Psicoterapia

A psicoterapia é un tratamento psicolóxico que se desenvolve entre un profesional especializado e unha persoa, parella ou familia que precisa de axuda por mor do seu sufrimento emocional, e que se dá nun marco de compromiso ético de participación e respecto.

Individual

Establecerase un acordo en canto ao obxectivo da terapia entre o terapeuta e o paciente/cliente en función da demanda mais ou menos explícita deste, que pode ser redefinido ao longo do proceso.

 

Os motivos para comezar a terapia poden ser síntomas como:

 

Depresión, falta de ilusión, estado de ánimo decaído, exceso ou dificultade de sono, irritabilidade. Non atoparlle senso ao dia a dia.

 

Ansiedade, angustia, fobias, hipocondría, obsesións.

 

Separacións de parella, perda de persoas significativas, dós.

 

Problemas de estrés no traballo, familia ou nas relacións en xeral.

 

Trastornos sexuais, falta de desexo, de pracer, confusión sobre a orientación sexual.

 

Ou ben pode tratarse d´un malestar difuso ou unha sensación de falta de proxecto de vida.

 

Parella

Consiste en traballar coas dúas persoas que forman a parella para, a partir de definir o problema dende a perspectiva de cada un, determinar o obxectivo e o procedemento a seguir.

 

Poden tratarse problemas como:

 

Desacordo na organización das tarefas diarias, do tempo libre e das actividades de cada un.

 

O trato coas respectivas familias de orixe ou a educación dos fillos.

 

Dificultades na comunicación, a sensación que o outro non nos entende ou que “xa non é o que era”.

 

Sensación de estar en “punto morto”, frialdade na mostra de afecto. Aparición dun terceiro na relación.

 

E en xeral, si a relación está a crear malestar nun ou os dous membros que forman a parella ou nos fillos, se os houbera.

 

O terapeuta axudará  a explorar, rescatar e potenciar os aspectos positivos da relación, a facilitar a comunicación, “desfacer nós”, e ver de que xeito pode cadaquén contribuír ao benestar do outro e a mellora da convivencia.

Familia

A terapia familiar parte da idea de que o sufrimento dun membro da familia afecta ao resto e de que a ollada destes ten un impacto significativo sobre a saúde daquel.

 

É especialmente indicada cando os síntomas de malestar afectan aos membros mais vulnerables, sobre todo os fillos.

 

As veces os síntomas aparecen coma un sinal de alarma da dificultade da familia para adaptarse a algún dos distintos ciclos polos que pode pasar ao longo dos anos, coma o nacemento dos fillos, inclusión destes no mundo da escola, e mais tarde o seu crecemento e independencia, coidado dos doentes ou anciáns, deterioro da relación conxugal entre os pais, etc…

 

O terapeuta pon o foco nas interaccións familiares, para que cada persoa poida ver as dificultades dende outra perspectiva, ampliando o coñecemento propio e do resto, desfacendo etiquetas e facilitando que cada membro poida ocupar o rol mais saudable dentro do grupo, onde o recoñecemento, valoración e transmisión de agarimo poida contribuír a saúde e o benestar da familia.

As veces, o terapeuta coa función de incrementar a eficacia, pode aconsellar un  cambio de modalidade da psicoterapia ou unha combinación das mesmas, por exemplo: individual e parella ou familia.